Silleda, 7 de marzo de 2014. A xunta de goberno local do Concello de Silleda, en sesión extraordinaria celebrada onte xoves día 6, acordou aprobar o prego de cláusulas administrativas e particulares e o proxecto para a aduxicación do contrato para a mellora de camiños de titularidade municipal en A Bandeira, Bazar e Escuadro. Estas obras, no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013,con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Faeder) serán adxudicadas por procedemento negociado sen publicidade.
O prezo do contrato, segundo o proxecto, é de 90.848,46 euros, IVE incluido. O prazo de execución dos traballos é de un mes a contar dende a data da firma da acta de comprobación do replanteo da obra.
O proxecto establece a mellora de camiños rurais en tres localidades: na Bandeira, Bazar e Escuadro. No caso da Bandeira, a actuación prevista pasa pola mellora do tramo que vai dende as inmediacións do centro de saúde da localidade ata a rúa da Empanada. O tramo, de 185 metros de lonxitude, contará con novo aglomerado. A inversión neste tramo é de 9.002,10 euros.
Na parroquia de Escuadro, o anteproxecto contempa o arranxo dun tramo situado no lugar de Outeiro, que tamén presenta grandes deficiencias. Neste caso actuarase sobre un camiño de 600 metros de lonxitude. O custe desta actuación é de 17.655 euros.
No caso de Bazar, actuarase nun tramo maior, de 1.200 metros de lonxitude, que vai dende o lugar coñecido como Agro de Bazar ata preto da capela de San Caetano. A actuación é a máis costosa das tres, debido ás características e lonxitude do tramo, con 35.310 euros.
“Con esta actuación pretendemos mellorar vías que se atopan moi deterioradas, e que ademais de provocar situacións de inseguridade tamén poden danar aos vehículos que circulan por elas”, sinala o concelleiro de Medio Rural, Klaus Brey. Nas tres obras actuarase dotando os viais con aglomerado en quente, renovando a calzada.
A subvención outorgada ao Concello de Silleda para levar a cabo este proxecto (con aportacións do Feader, MARM e Agader) é tributaria da resolución do 13 de setembro de 2013 (DOG nº 186 do 30 de setembro de 2013) polo que se regula o Plan Marco Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal 2013-2014, financiado co Feader no marco do PDR Galicia 2007-2013.