Silleda, 8 de marzo de 2014. O Concello de Silleda remitiu en días pasados un escrito ao Xulgado do Mercantil Nº1 de Pontevedra solicitando que se realizaran as xestións oportunas para a retirada dun guindastre de obra situado na avenida do Parque, xunto a edificio de recente construcción. Meses atrás, o Concello xa se puxera en contacto coa empresa promotora da obra, que se atopa en procedemento concursal. Daquela a empresa informou que non podía proceder, ao formar parte o guindastre do inventario de bens do concurso.
Nas últimas semanas, os presidentes das comunidades de veciños de dous edificios próximos amosaron a través de escritos dirixidos ao Concello a súa preocupación pola continuidade do aparello na zona, alertando da posible situación de inseguridade. Dende o goberno local retomáronse as xestións comunicando a problemática ao citado xulgado que respondeu dando traslado inmediato ao administrador concursal para a retirada do aparello. Esta comunicación xa lle foi trasladada ás comunidades de veciños que presentaron os escritos no Concello.
O alcalde, Manuel Cuíña, advirte que de non retirarse o guindastre nun prazo prudencial, o Concello de Silleda volverá a recurrir ante o xulgado para que tome as medidas oportunas.