Silleda, 13 de marzo de 2014. O punto de información posto en marcha a semana pasada polo Concello de Silleda para atender e informar aos veciños e veciñas afectados polos últimos temporais sobre as axudas dispoñibles continúa atendendo aos usuarios.
A día de hoxe xa se formularon un total de 6 consultas e estanse xa a tramitar 4 reclamacións. Trátase das presentadas polos propietarios/as de dous invernadoiros, outro sobre un peche perimetral e unha cuarta reclamación por danos nunha vivenda.
Este punto de información está ubicado na Casa da Cultura, onde se atende aos afectados en horario de 10.00 a 14.00 horas. Nestas dependencias hai unha persoa encargada de informar aos cidadáns sobre o Real Decreto Lei 2/2014 do 21 de febreiro, polo que se regulan as Axudas destinadas a paliar danos persoais, danos materiais en vivendas e enseres, establecementos industrias, mercantís, agrarios, turísticos e outros. Este decreto foi publicado o pasado 22 de febreiro no Boletín Oficial do Estado.
Ademais de informar sobre o contido e as condicións das axudas, tamén se tramitarán estas, se procede.
Do mesmo xeito, para aqueles propietarios/as que non dispoñan de ningún tipo de seguro, serán os técnicos municipais os encargados de facer unha valoración dos danos para logo tramitar as solicitudes, se procede, ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Este servizo estará dispoñible nas dependencias da Casa da Cultura ata o vindeiro día 11 de abril.