Novas accións formativas en outubro no Plan de dinamización do Viveiro de empresas de Silleda

Este xoves, 24 de outubro, a sesión estará centrada no márketing dixital

A seguinte, o 31 de outubro, estará enfocada no deseño gráfico

A iniciativa continuará ofrecendo formacións gratuítas ata final de ano

 

Cartel formación Plan de dinamización do Viveiro de empresas

O Concello de Silleda continúa coas accións do Plan de dinamización do Viveiro de empresas, impulsado en colaboración coa Fundación Roberto Rivas. Durante o mes de outubro, ofrécense dúas novas formacións gratuítas dirixidas a emprendedores, empresas e profesionais que desexen mellorar as súas competencias en márketing dixital e deseño gráfico.

A primeira acción formativa terá lugar este xoves, 24 de outubro, de 18:00 a 20:00 no viveiro municipal de empresas de Área 33 en Silleda. A temática será o márketing en Instagram e Facebook e abordaranse estratexias para mellorar a conversión, o engagement e o posicionamento nas redes sociais. Entre os contidos, destacan a análise de tendencias actuais, a definición de obxectivos SMART e técnicas para mellorar o alcance e a participación, así como estratexias específicas para campañas de promoción.

A segunda formación será o xoves, 31 de outubro, tamén de 18:00 a 20:00, e centrarase no deseño gráfico para non deseñadores utilizando a ferramenta Canva. Os participantes aprenderán a crear contidos visuais atractivos de forma sinxela, sen necesidade de coñecementos avanzados de deseño, e explorarán as posibilidades de Canva, tanto na súa versión gratuíta como premium. Esta formación é de especial interese para aqueles que buscan mellorar a presentación visual do seu negocio ou proxecto en redes sociais, boletíns ou catálogos. Para participar, é necesario traer un portátil.

As prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente a través dun formulario en liña, nesta ligazón.

O Plan de dinamización do Viveiro de empresas de Silleda, que arrancou en setembro, está deseñado para apoiar o tecido empresarial local e mellorar a súa competitividade a través de formacións prácticas e adaptadas ás necesidades actuais. En setembro desenvolvéronse dúas accións centradas no marketing dixital e atención ao cliente, co obxectivo de proporcionar ferramentas eficaces aos emprendedores e pequenos negocios. Esta iniciativa continuará ofrecendo novas formacións gratuítas ata finais de ano.