A Oficina Móbil do Retorno estará en Silleda este venres 25 de outubro de 10 a 14 horas

As persoas emigrantes retornadas poderán asesorarse sobre trámites administrativos, axudas, asistencia sanitaria, estudos ou traballo

A Oficina Móbil do Retorno, punto de información e asesoramento para as persoas emigrantes retornadas a Galicia e as súas familias, fará parada en Silleda este venres 25 de outubro e estará á disposición do público a carón da praza da igrexa entre as 10.00 e as 14.00 horas.

Esta oficina é un punto de atención presencial no que se centraliza toda a información de interese para os galegos do exterior que retornan a Galicia co obxectivo de facilitar a súa plena integración. Ademais de poder coñecer cales son os recursos que teñen á súa disposición para estudar ou poñer en marcha un negocio, na oficina tamén recibirán asesoramento e contarán cun seguimento individualizado.

Entre outras cuestións, o servizo presta asesoramento sobre trámites administrativos vencellados ao retorno; prestacións, subvencións e axudas; asistencia sanitaria; vivenda; formación e orientación laboral ou emprendemento.

As persoas interesadas poderán concertar cita ou solicitar máis información chamando ao 900 102 380 ou a través da páxina emigración.xunta.gal cubrindo este formulario (preme aquí).