Silleda, 19 de marzo de 2014. Un grupo de nenos e nenas do CEIP Bandeira, alumnos de Infantil, participaron hoxe na estrea da horta solidaria, que traballará o centro logo de gañar en maio do pasado ano o I Certame Reciclaula.
Esta iniciativa foi organizada polo Concello de Silleda, a través da Concellería de Educación e a de Medio Ambiente e a empresa Secope S.L., que se encarga da recollida de papel e cartón no municipio silledense, para fomentar a cultura da reciclaxe entre a poboación escolar.
Como centro gañador do certame, que consistía en xuntar papel e cartón, o CEIP da Bandeira recibiu ademais do premio en metálico para excursión de fin de curso dos alumnos de Sexto (1.000 euros) outra dotación para crear unha horta no centro.
A empresa Secope S.L. entregou hai uns días no colexio da Bandeira material diverso para a posta en marcha desta iniciativa (terra, sementes de distintas clases, apeiros para traballar…), valorado tamén en 1.000 euros.
Os máis pequenos do centro inauguraron hoxe a horta do CEIP coa plantación de fresas, logo da preparación das camas onde estiveron as sementes.
Con fins didácticos e solidarios
O traballo na horta continuará nas vindeiras semanas con outras plantacións de productos como leitugas, tomates… A metade da producción desta horta, tal e como recollen as bases do concurso, destinarase ao Banco de Alimentos do programa Silleda Solidaria.
“Con esta iniciativa, ademais do carácter solidario, tamén se contribúe a inculcar valores didácticos e medioambientais aos máis cativos”, engade a concelleira de Educación, Pili Peón, que hoxe asistiu á estrea da horta.
Dende o Concello de Silleda agradécese á empresa Secope a súa participación nesta iniciativa, na que aportou un total de 3.000 euros.