O deseño gráfico protagoniza o xoves 30 a nova formación do Plan de dinamización do Viveiro de empresas de Silleda

Esta iniciativa do Concello e da Fundación Roberto Rivas continuará ofrecendo formacións gratuítas ata final de ano

O Concello de Silleda continúa coas accións do Plan de dinamización do Viveiro de empresas, impulsado en colaboración coa Fundación Roberto Rivas. Neste mes de outubro, despois da sesión do pasado xoves sobre márketing en Instagram e Facebook e estratexias para mellorar a conversión, o engagement e o posicionamento nas redes sociais, seguímonos ocupando da presenza dixital das empresas centrándonos agora no deseño.

O mes rematará así cunha nova sesión (de 18:00 a 20:00 horas) que terá lugar este xoves 31  de outubro, que abordará o  deseño gráfico para  deseñadores non profesionais  utilizando a ferramenta Canva. As persoas participantes aprenderán a crear contidos visuais atractivos de forma sinxela, sen necesidade de coñecementos avanzados de deseño e explorarán as posibilidades de Canva, tanto na súa versión gratuíta como premium. Esta formación é de especial interese para aqueles que buscan mellorar a presentación visual do seu negocio ou proxecto en redes sociais, boletíns ou catálogos. Para participar, é necesario levar un portátil.

As prazas son limitadas e é preciso inscribirse previamente a través dun formulario en liña, nesta ligazón.

O Plan de dinamización do Viveiro de empresas de Silleda está deseñado para apoiar o tecido empresarial local e mellorar a súa competitividade a través de formacións prácticas e adaptadas ás necesidades actuais. Iniciouse no mes de setembro con dúas accións dirixidas ao marketing dixital e atención ao cliente, co obxectivo de proporcionar ferramentas eficaces aos emprendedores e pequenos negocios. Logo destas dúas propostas de outubro dedicadas a sacarlle o maior partido ás redes sociais, o plan continuará ofrecendo novas formacións gratuítas ata finais de ano.