Silleda, 4 de abril de 2014. A Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, vén de programar un obradoiro de iniciación ao clown dirixido a mozos e mozas de 16 anos en adiante. Esta iniciativa, que chega a través da Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concelo de Silleda.
A actividade, totalmente gratuita, desenvolverase durante as xornadas do 3 e o 10 de maio, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, cun total de 15 horas de duración . Será impartido por membros da compañía Os Sete Magníficos máis Un, con Fran Rei e Pedro Brandariz.
As persoas interesadas en participar neste obradoiro deben de chamar ao Concello (986 580000) para inscribirse. Hai un total de 25 prazas.
Na xornada do sábado día 3 o obradoiro terá lugar de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e o sábado día 10 continuará pola mañá no mesmo horario e pola tarde celebrarase de 16.00 a 18.00 horas. Nesta sesión vespertina haberá unha representación aberta ao público na sala de exposicións do centro cultural, na que participarán os alumnos/as do ciclo.
O clow é unha técnica teatral e de novo circo que goza dunha grande aceptación entre o público, e constitúese como unha ferramenta moi útil para favorecer varias habilidades sociais, como son as dinámicas de grupo ou a desinhibición. Dende Os Sete Magníficos máis Un propónse neste caso un traballo ao redor da lingua, dándolle un sentido positivo ao idioma galego, ampliando os seus eidos de uso e dotándoo, a través do xogo e da comicidade, dun novo valor para os/as participantes no obradoiro.
Xogos de palabras cómicos, improvisacións… formarán parte desta novidosa iniciativa que mistura de xeito novidoso o clown de calidade co fomento do galego.
Creada no ano 2001, a compañía galega Os Sete Magníficos máis Un, estivo formada por novos actores e actrices galegos procedentes de diversos medios, e creouse ao abeiro do Festival Internaciola de Clown de Galicia (Festiclown). Entre os seus espectáculos figuran títulos como
As Cincentas Desclowntroladas (2001), Manicomio só para Clowns (2002), A CadeiraVoadora (2006), O Gordo e o Calvo Van ao Médico (2007) ou Dous Pallasos en Apuros (2007)…, mantendo sempre o humor e a comicidade como sinal de identidade.
Nos últimos anos, Os Sete magníficos máis Un están a consolidarse no mercado teatral galego cunha media de 75 actuacións por temporada, tanto en interior como en rúa. Desde o ano 2012, Fran Rei e Pedro Brandariz están a traballar regularmente en televisión, sendo unha das parellas cómicas habituais do programa Luar da TVG.