A cita, a máis veterana do municipio, celebrarase ata o sábado 16 con maxia, humor e outras ofertas escénicas
A parroquia silledense de Cira celebra nos vindeiros días unha nova edición da súa Semana Cultural. O ciclo, que cumpre xa 46 anos, poñerase en marcha o vindeiro mércores día 13 de novembro cunha actuación do Mago Richard, que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Social.
A maxia, habitual nos últimos anos na programación da localidade, dará paso o xoves día 14 a unha proposta escénica cargada de humor con Dani Blanco, no espectáculo As Sircópatas, un paiaso en recuperación, tamén ás 20:00 horas.
As propostas escénicas para disfrutar en familia continúan o venres día 15 da man da compañía N+1, con Circanelo, un espectáculo de clown con teatro xestual, danza e acrobacións a cargo de Alfredo Pérez Muiño, veciño da comarca.
Para pechar o ciclo cultural, o sábado 16 os máis pequenos terán obradoiros de pintacaras e figuras pixeladas a partir das 16:00 horas. Tamén pola tarde se disputará un torneo de tute. A xornada rematará cunha cea de confraternidade no propio local social amenizada coa música do Dúo Fusión.
As persoas interesadas en acudir á cena poden anotarse na taberna de González ou a través dos membros da comisión.
A cita está organizada pola Comisión de Festexos de Cira e a Concellería de Cultura do Concello de Silleda, e conta ca colaboración da Deputación de Pontevedra. A Semana Cultural de Cira foi pioneira no rural de Silleda e a día de hoxe esta iniciativa é a máis veterana do municipio, con máis de catro décadas de traxectoria, e a única que se conserva como tal.