-
Os colectivos beneficiarios deberán presentar a documentacion requirida
-
As axudas concedidas polo Concello de Silleda superan os 100.000 euros
As asociacións, colectivos e clubs deportivos que recibiron este ano subvencións municipais para desenvolver as súas actividades deben xustificar estas axudas nas vindeiras semanas tendo como data límite o día 30 deste mes de novembro, tal e como se recolle nas Bases Reguladoras das axudas publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra.
Para xustificar as achegas, os colectivos terán que presentar as facturas correspondentes así como os xustificantes de pagamento e cubrir un formulario anexo para a conta xustificativa, que está dispoñible tanto no Concello como na web municipal e tamén nas propias bases da convocatoria.
Aínda que algunhas destas axudas xa foron xustificadas e aboadas, dende o Concello lémbrase que aínda faltan entidades por presentar a documentación.
En total repartiranse máis de 100.000 euros entre colectivos veciñais, culturais e clubs deportivos. No caso das subvencións nominativas ás dúas bandas de música, estas entidades tamén teñen que xustificar os gastos no marco do procedemento establecido.
Para calquera dúbida ou consulta sobre o procedemento de xustificación, os directivos das entidades beneficiarias poden dirixirse ao departamento de Cultura ou chamar ao 986 580 000.