Xa está aberto o prazo para participar na xornada Alzhéimer de Preto do vindeiro xoves día 28

A cita será no centro social dos maiores, de 16:00 a 20:00 horas

Ofreceranse pautas para as persoas coidadoras e información sobre recursos dispoñibles

As inscricións poden realizarse no Concello ou chamando ao 986 592037

 

O centro social dos maiores de Silleda acollerá o xoves 28 de novembro unha sesión informativa sobre o alzhéimer aberta a todas as persoas que queiran asistir. A sesión enmárcase no proxecto Alzhéimer de Preto, iniciativa da Federación Atlántica de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzhéimer (Fadeal) que está a percorrer os concellos pontevedreses co financiamento da Deputación de Pontevedra. Para asistir, as persoas interesadas poden anotarse no Concello ou chamando ao 986 592037.

A sesión formativa de 4 horas de duración e que se desenvolverá entre as 16:00 e as 20:00 horas, constará de dúas partes: unha sanitaria e outra social. Aberta ao público en xeral, está dirixida preferentemente a aquelas persoas que padecen alzhéimer nunha fase moi temperá, a persoas coidadoras e a familiares de persoas con demencia.

O obxectivo é ofrecer unha primeira aproximación á enfermidade e á súa evolución, recomendar pautas para facilitar o día a día ás persoas coidadoras e informar sobre os recursos dispoñibles.

En concreto, nas dúas horas nas que se aborde a área sanitaria falarase do diagnóstico, de factores de alarma, de pautas de comportamento, de tratamentos farmacolóxicos e de avances en investigación. Os contidos da área social abranguen os tratamentos non farmacolóxicos, así como os recursos sociais, xurídicos e de apoio psicolóxico.

Hai que recordar que só na provincia de Pontevedra hai arredor de 18.700 persoas que padecen alzhéimer ou outro tipo de demencia dexenerativa e que son doenzas que afectan tamén á contorna sociofamiliar do doente ao precisar dunha atención continua.