Comezou a instalación do alumeado con elementos nas rúas de Silleda, Bandeira e as parroquias de entradas ao municipio
Ademais de arcos e outros elementos alumínicos en árbores e farois, o Concello instalará tamén regadeiras nas rúas máis céntricas da capital municipal
O acendido está previsto para o venres 6 de decembro
O Concello de Silleda vén de iniciar esta semana a decoración de rúas e espazos públicos para a tempada de Nadal. Os traballos iniciáronse na rúa Progreso coa dotación de varios teitos de luz neste céntrico tramo e continuarán nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira.
Ademais de arcos, tamén se colocarán outros elementos en árbores e farois. Ao igual que nos últimos anos, tamén se instalarán arcos nas parroquias de entrada ao municipio (Lamela, Taboada e Laro).
A instalación de luces complementarase por parte do Concello con outros elementos decorativos. Así, e tal e como se anunciara xa o pasado ano, as regadeiras con luces ideadas pola veciñanza do Barrio das Baratas, tamén se van colocar en farois nas principais rúas, complementando a decoración que faga a veciñanza tanto neste barrio como noutros puntos (fachadas, balcóns…).
Este elemento decorativo xa se utilizou en celebracións como o 8M .
Tamén está previsto decorar varias prazas nas dúas localidades, nalgún caso co patrocinio de empresas e entidades ao que dende o Concello se lle agradece a súa implicación.
Está previsto que o acendido do alumeado teña lugar o venres 6 de decembro coincidindo coa ponte festiva.
Certame Silleda Fai Nadal
Por outra banda, segue aberto ata o vindeiro día 29 o prazo para participar na que é xa a quinta edición do concurso de decoración #SilledaFaiNadal, novamente con categoría individual e colectiva.
Ademais de fomentar a participación veciñal, tamén se colabora co comercio e a hostalería local, xa que este concurso municipal repartirá máis de 3.000 euros en premios que consisten en vales para consumir no sector.
Por outra banda, o programa de actividades de Nadal darase a coñecer nas vindeiras semanas.