O Concello de Silleda amplía o servizo de recollida de roupa e aceites usados no rural con colectores en 9 parroquias

Instalaranse novos colectores en 9 parroquias, ampliando así os servizos destinados á veciñanza

O Concello de Silleda reforza o seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade coa ampliación da recollida selectiva de residuos no rural, ao instalarse novos colectores específicos para roupa e aceites de cociña usados en nove parroquias do municipio, facilitando a reutilización e reciclaxe destes materiais e mellorando os servizos para a veciñanza.

As parroquias de Cortegada, Saidres, Moalde, Parada, Manduas, Graba e Lamela contarán con colectores específicos para roupa e aceites usados. Pola súa parte, en Escuadro e Cira instalaranse exclusivamente colectores para roupa, xa que nestas parroquias xa existen puntos de recollida de aceites “As parroquias rurais teñen un papel fundamental na preservación da nosa contorna, e con estas accións queremos facilitarlles ferramentas para avanzar nese obxectivo común”, di Manuel Requeijo, Concelleiro de Transición Enerxética e Reto Demográfico.

Con esta ampliación, o Concello de Silleda dá un paso máis na ampliación dos servizos no rural,  asegurando que a veciñanza poida acceder con facilidade a sistemas de recollida selectiva, un avance clave para fomentar unha xestión responsable dos residuos e protexer o medio natural.

A empresa AIR Servicios Ambientales, S.L. será a encargada de xestionar os residuos téxtiles, instalando para elo colectores específicos que permitirán recuperar roupa, zapatos e outros produtos téxtiles, reducindo o volume de residuos enviados aos vertedoiros e promovendo a súa reciclaxe e reutilización.

Os colectores estarán deseñados para garantir a seguridade e facilitar o seu uso, e AIR será responsable do seu mantemento e baleirado periódico. Este servizo será completamente gratuíto tanto para o Concello como para a veciñanza.

Pola súa parte, Green Ambiental, S.L.U. xestionará a recollida de aceites de cociña usados mediante colectores do tipo “botella dentro”. Estes instalaranse nas parroquias sinaladas e garantirán a correcta valorización dos residuos, evitando o vertido na rede de saneamento ou a mestura con outros residuos. Esta empresa, é a que ofrece este servizo no resto do territorio, e ademais realiza un servizo gratuíto de recollida en  locais de hostalaría.

Manuel Requeijo, destacou que “esta ampliación de servizos responde ao noso compromiso de achegar a xestión sostible de residuos ao rural, garantindo que toda a veciñanza poida participar activamente no reciclaxe”

Coa instalación destes novos colectores, o Concello de Silleda avanza na implementación de políticas de desenvolvemento sostible, reforzando a recollida selectiva e fomentando a conciencia ambiental entre a veciñanza. Estas iniciativas son un paso máis no compromiso do municipio co coidado do medio ambiente e a mellora da calidade de vida no rural.