Comezan as obras de renovación do parque infantil da Bandeira

 

Silleda, 22 de abril de 2014. Os traballos de renovación do parque infantil da Bandeira están xa en marcha. A empresa que executa os traballos xa retirou os elementos de xogo e en breve procederase á colocación tanto dun novo peche perimetral coma dos xogos e mobiliario para o disfrute dos nenos e nenas, ademais de renovar o pavimento.

A renovación do parque forma parte do proxecto de Mellora da praza da Feira da Bandeira e do seu entorno, incluído no PID 2012, cunha inversión total de 50.366,72 euros. Este proxecto foi adxudicado pola Diputación á empresa Lappset, que tamén se encarga de renovar o parque da praza da Igrexa de Silleda.

 A actuación inclúe tamén a peonalización dun tramo da rúa Renque da Froita.

 “Consideramos que se trata dunha actuación necesaria para mellorar as condicións deste parque, moi utilizado polos nenos e nenas da Bandeira”, sinala o concelleiro de Servizos, Klaus Brey.

 

Ampliación da praza

Esta renovación e mellora completarase con outra actuación xunto á praza na que se atopa o parque infantil. Así, o proxecto contempla a peonalización dun tramo da rúa Renque da Froita. Neste botarase formigón impreso deixando a rúa ao mesmo nivel que a praza do Entroido.

Nos dous extremos do tramo da rúa (nas interseccións coa rúa da Feira e a rúa Renque do Peixe) está prevista a colocación de  bolardos para impedir o acceso de vehículos, agás no caso dos residentes.