Silleda, 30 de abril de 2014. O Concello de Silleda súmase ao Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social, que vén desenvolvendo a Fundación Amigos de Galicia. O alcalde, Manuel Cuiña Fernández, e o presidente da entidade, o silledense Miguel Villar Costoyas, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que se ofrecerá atención continuada a unha vintena de familias designadas polos Servizos Sociais, aportando alimentos, produtos hixiénicos, roupa e calzado e tamén material escolar.
Durante o acto de firma, o alcalde Manuel Cuíña, aproveitou a ocasión para felicitar públicamente a Miguel Villar, empresario natural da parroquia silledense de Lamela, polo seu recente nomeamento na entidade. “Coñecendo a súa traxectoria tanto personal como profesional estou totalmente convencido de que será un gran presidente e que desempeñará con éxito esta nova andandura”, apuntou Cuíña. “É unha fundación importante que está axudando nestes tempos de crise a milleiros de familias de toda Galicia”, remarcou o alcalde eloxiando o traballo da entidade e reiterando o agradecemento, en nome de todos e todas os silledenses, á Fundación por esta aportación.
O convenio establece que o Concello aportará, para o que queda deste ano, un total de 18.75 euros, “unha cantidade pequena comparado co que aporta a fundación”, sinalou Cuíña, que se comprometeu a incrementar a cantidade o vindeiro ano.
O alcalde tamén destacou que a axuda que se ofrece a estas familias, preferentemente con nenos, mulleres vítimas de violencia de xénero ou outras cargas, chega de xeito directo, a diferencia doutras de emerxencia social que precisan de tramitacións previas.
Axuda en 73 Concellos galegos
O alcalde, que amosou o seu “orgullo” porque un “veciño e amigo deste Concello presida esta fundación” eloxiou a iniciativa que con Silleda suma xa 73 concellos galegos no seu ámbito de actuación social.
Pola súa banda, Miguel Villar Costoyas, sinalou que “é un pracer firmar o meu primeiro convenio como presidente en Silleda, o meu Concello”. O empresario silledense apuntou que conta “con un gran equipo, de colaboradores solidarios que traballan desinteresadamente”, engadiu Villar.
O presidente de Amigos de Galicia, entidade que leva 27 anos traballando no ámbito social, tamén se referiu a un dos grandes obxectivos da entidade. “Buscamos erradicar a discriminación social. Galicia ten que reponerse deste crise. Queremos que os nenos e nenas aos que hoxe axudamos sexan os piares fundamentais da nosa sociedade o día de mañá”, engadiu.
Villar Costoyas tamén agradeceu ao alcalde e a concelleira de Benestar Social, Dolores García, a súa labor e lembrou a empresas da localidade que están a colaborar coa fundación (Florentino, Cooperativa Hoxe, Ausama e Frutas García).
A concelleira, tamén presente na firma xunto a outros membros da directiva desta entidade sen ánimo de lucro (o xerente, Jesús Busto, e Antonio Costa), “unha axuda moi importante”.
O alcalde, Manuel Cuíña, o presidente da Fundación, Miguel Villar, e a concelleira de Benestar Social, Dolores García, durante a firma do convenio