Silleda, 2 de maio de 2014. O pasado mércores rematou en Silleda o II Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, coa existosa actuación da actriz e monologuista Isabel Risco. Esta iniciativa, organizada pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui en colaboración co Concello de Silleda, acadou unha recaudación de 1.825, 50 euros, algo menos que o pasado ano.
O concerto baixo o lema Por un Sáhara libre, celebrado o pasado día 26 no auditorio municipal Manuel Dopazo da Bandeira foi a actividade máis concorrida, con unha recadación de 1.035 euros.
Dende o Concello e o colectivo organizador quérese agradecer a participación e colaboración de todas as persoas que acudiron aos eventos culturais programados ao longo do pasado mes, e que axudaron a colaborar coa causa saharaui.
A recadación destinarase a financiar as viaxes do programa Vacacións en Paz, grazas ao que os nenos e nenas que residen nos campamentos de refuxiados do Sahara poden disfrutar dos meses de verán alonxados das duras condicións de vida do deserto, acollidos por familias galegas.
Na comarca do Deza volverá a haber tamén familias acolledoras dentro desta programa. Así, segundo explica Pablo Romeo, coordinador da Asociación na comarca, xa están confirmadas unha de Rodeiro, unha de Agolada, 3 en Lalín, e posiblemente outra en Silleda.
O Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui, que comezou a celebrarse o pasado ano en Silleda, vén a complementar outras actuacións solidarias con esta rexión, coma a Campaña de Recollida de Roupa e Calzado usados, pola que se recolleron un total de 6.000 kilos en toda a comarca este ano.