Todos os grupos agradeceron na sesión o traballo de Antonio Ferro Losada, que despois de 22 anos no Concello de Silleda, primeiro como encargado de Obras e despois como concelleiro, deixa paso a novas incorporacións//
A Corporación Municipal de Silleda celebrou esta mañá do luns 16 de decembro unha sesión extraordinaria para a adxudicación do préstamo por 1.750.000 euros que se destinará ao arranxo de viais no rural. O préstamo adxudicouse por unanimidade á entidade BBVA, que presentou a oferta máis vantaxosa para as arcas municipais.
A petición do grupo do PP, sobre o estado dos traballos, a alcaldesa, Paula Fernández Pena, informou que a día de hoxe xa se están a realizar os traballos topográficos para a posterior realización dos proxectos de mellora.
Na mesma sesión tamén se despediu a Antonio Ferro Losada, concelleiro de Obras nas dúas últimas lexislaturas. Tanto a alcaldesa como os voceiros de todos os grupos agradeceron a adicación de Losada ao Concello de Silleda, primeiro como encargado de Obras e despois asumindo o papel de concelleiro. “Deixas grandes amigos entre a corporación e todo o personal municipal”, indicou Paula Fernández.
Losada rematou a sesión agradecendo o trato recibido durante a súa etapa na entidade, que se prolongou durante 22 anos e que destacou entre outras razóns polo seu gran coñecemento das parroquias. O pleno rematou cun aplauso en homenaxe ao concelleiro, que agora disfrutará dunha merecida xubilación.