A súa incorporación formalizarase logo da marcha de Antonio Ferro Losada, e a renuncia dos tres membros que o sucedían na candidatura socialista
Haberá un cambio na distribución de áreas de goberno, asumindo a alcaldesa Paula Fernández Pena a responsabilidade da área de Obras
O PSdeG-PSOE de Silleda anuncia que Estefanía Taín Surribas tomará posesión como nova concelleira no Concello de Silleda, asumindo as áreas de Promoción Económica e Axenda 2030.
A súa incorporación formalizarase logo da marcha de Antonio Ferro Losada, e a renuncia dos tres membros que o sucedían na candidatura socialista -Manuel Rozados, Encarnación Novo e Benjamín Valiñas- por motivos laborais e educativos.
A chegada de Estefanía Taín á Corporación coincidirá co inicio dos traballos das mesas de debate para a creación do Plan Estratéxico da Axenda 2030, un proxecto clave para o futuro sostible do municipio.
A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou a relevancia deste proceso: “A incorporación de Estefanía Taín supón un reforzo fundamental neste momento clave, no que iniciamos a construción dunha estratexia ambiciosa e necesaria para garantir o desenvolvemento sostible de Silleda. A súa experiencia e compromiso serán fundamentais para levar adiante este proxecto”.
Reorganización do goberno
A incorporación de Estefanía Taín ao goberno municipal suporá unicamente unha modificación na distribución de áreas de goberno, concretamente na área de Promoción Económica, ata agora xestionada directamente pola alcaldesa, Paula Fernández Pena, quen asumirá a responsabilidade da área de Obras, dada a súa formación e experiencia profesional nesta materia.
Biografía de Estefania Taín
Estefanía Taín Surribas, de 37 anos, é unha veciña de Silleda cunha ampla traxectoria vinculada ao mundo rural, económico e social do municipio. Empresaria no sector dos seguros, compaxina este traballo coa xestión dunha explotación porcina. É Graduada en Economía e cun Máster en Dirección Hoteleira.
É nai de dúas fillas e unha persoa activamente involucrada no tecido asociativo local, e destaca polo seu compromiso coa dinamización do territorio e a defensa do rural.
Actualmente, preside a Asociación de Cabaleiros de Silleda, entidade de referencia na promoción das actividades ecuestres e no impulso do turismo rural, sendo tamén promotora da Ruta Cabalar de Silleda, un evento clave para a posta en valor do patrimonio natural e cultural da comarca.
Ademais, forma parte da Executiva Socialista das e dos Socialistas de Silleda, e esta é a segunda vez que concorría na lista socialista de Silleda, e a primeira vez que acada a acta de concelleira.
A súa experiencia profesional e o seu compromiso persoal co desenvolvemento económico, social e cultural de Silleda convértena nunha figura destacada, preparada para afrontar os retos e necesidades do municipio.