Silleda, 12 de maio de 2014. O aparcadoiro público municipal habilitado polo Concello na rúa María Colmeiro está operativo dende hai xa varios días. O solar, cedido pola familia propietaria e acondicionado polo Concello, ten capacidade para albergar unha vintena de vehículos.
Tendo en conta que neste tramo urbano hai tamén sobre 20 prazas, o novo apardoiro vén a duplicar o estacionamento nesta zona.
Logo da limpeza e preparación do terreo, tamén se contruiu un pequeno muro no acceso á parcela, e nas vindeiras xornadas se colocarán as pertinentes sinais indicadoras.
“Con este novo aparcadoiro verase mellorado o entorno desta zona urbana, beneficiando a establecementos comerciais, á comunidade educativa do Colexio María Inmaculada e á poboación en xeral”, engade o alcalde. Manuel Cuíña lembra que con este aparcadoiro tamén se verá reforzada a seguridade no entorno do citado centro educativo, que no seu día solicitou a habilitación deste servizo. Este recinto súmase a outros aparcamentos públicos froito da cesión de uso lograda polo Concello, coma o situado na rúa Cartaxena. Dende o goberno local agradécese aos propietarios a cesión destes terreos, que beneficiará a moitas persoas.