Silleda, 2 de xuño de 2014. A Concellería de Deportes de Silleda está xa a traballar na posta a punto das piscinas municipais de Silleda e A Bandeira para a tempada estival. Esta semana comezaron xa as tarefas de limpeza e acondicionamento dos recintos, con personal municipal que abrirán as súas portas ao público este mes.
A previsión do departamento, que dirixe Klaus Brey, pasa por abrir as piscinas na primeira semana do vindeiro mes de xullo.
Os traballos comezaron hoxe no recinto da Bandeira, onde se colocará un novo pavimento de azulejo na piscina infantil, que se atopaba bastante deteriorado. Unha vez reposto procederase ao lavado e pintado dos vasos. Os traballos trasladaranse despois ao recinto de Silleda.
Mellora dos vestiarios e contratación de socorristas
A posta a punto das piscinas municipais incluirá tamén a mellora e adecentamento dos vestiarios en ámbolos dous recintos, mellorando estas instalacións públicas con repintados e outras actuacións de acondicionamento.
Por outra banda, e tamén de cara á apertura das piscinas municipais o goberno municipal ten previsto aprobar nos vindeiro días en xunta de goberno as bases para a contratación dos tres socorristas que atenderán nesta tempada estival os dous recintos.
O custe da entrada será de 1 euro, tal e como se recolle na ordenanza de instalacións deportivas aprobada o ano pasado, e abonarase nas propias instalacións, onde tamén se impartirán como vén sendo habitual cursos de natación.
Ao igual que en anos anteriores tamén se venderán no Concello bonos para esta tempada. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Así mesmo, as persoas que estén empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Para os dous cónxuxes custarán 20 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, 8 euros, e cun terceiro sairía gratuito para toda a familia.