Silleda, 6 de xuño de 2014. Logo do primeiro convenio asinado en días pasados con Femasi S.L., o goberno municipal vén de pechar outros dous acordos de cesión que permitirán contar cos terreos para as instalación do campo da Escola Municipal de Golf Rústico.
Así, asinouse un convenio coa empresa Nudesa SA., que cede ao Concello unha das parcelas de maior extensión, situada na rúa I, no terreo contigua á de Femasi S.L.
As dotacións completaranse con unha zona axardinada que servirá tamén como lugar de paso, unindo o campo de minigolf que está xa instalado xunto ao edificio da Escola de Música co campo de entrenamento.
Esta zona será posible grazas á cesión por parte da entidade Edifar Desarrollos Urbanísticos S.L., asinada hoxe mesmo, que cede a parcela situada no número 43 da rúa Colmeiro.
Esta mesma parcela motivou no seu día queixas por carecer dun valado axeitado. Agora, e logo da cesión dos seus propietarios, o Concello asumirá o acondicionamento desta parcela, mellorando tamén, non só a estética da zona senon tamén a seguridade.
“Estamos moi agradecidos a estes particulares e entidades que están asinando convenios de cesión grazas aos que todos os veciños poderemos disfrutar, neste caso, dunhas instalacións axeitadas”, engade Cuíña, que califica de “exemplo” o xesto dos propietarios.
Nos vindeiros días está previsto rematar o acondicionamento destas zonas para proceder á apertura das instalacións deportivas.