Silleda estará no comité de dirección da sección de Concellos con Intereses Turísticos da Fegamp

O Concello de Silleda formará parte do comité de dirección dos Concellos con Intereses Turísticos da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O alcalde, Manuel Cuíña, asistiu hoxe en Santiago á sesión constitutiva desta sección do organismo, na que se aprobaron as normas de funcionamento, entre outros.

Na directiva, ademais de Silleda, figuran os municipios de Ourense, Oroso, Rianxo, Cambados, Verín, Sober, Melide e Allariz.

O Concello de Silleda acordou integrarse nesta sección o pasado mes de marzo, propoñendo ademais que á hora de crear subseccións se tiveran en conta monumentos declados como Bens Culturais, ou de outras catalagacións superiores.

Silleda conta xa con tres   festas de interese turístico galego: Empanada da Bandeira, Tortilla de Laro e o Entroido do Ulla, ademais de importantes monumentos coma o Mosteiro de Carboeiro, declarado Ben de Interese Cultural dende 1931  ou a Fervenza do Toxa.

Festur

Por outra banda, Silleda estará presente na 37 Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que comeza mañá con varias destas celebracións. Así, participa na sección Festur, de Festas de Interese Turístico, con unha haima no paseo central do recinto, na que se promocionarán distintos aspectos turísticos do municipio, ademais das oito celebracións gastronómicas. Así, ademais das dúas declaradas de interese turístico-a Festa da Empanada da Bandeira e a Romaría da Tortilla de Laro- tamén se publicitarán a Festa da Paella de Cortegada, a Festa do Lacón de Silleda, Romaría da Rosquilla de Abades, Festa do Chourizo ao Viño de Ponte, Festa dos Callos de Ansemil-Martixe e Festa da Castaña de Breixa. Ademais, vanse ofertar  degustacións dalgúns destes  produtos embaixadores de Trasdeza.

Así mesmo, Silleda tamén estará presente no stand compartido dos Museos do Rural, con Carboeiro e a promoción da mostra “Silleda no Seculo XIX” como principais reclamos.