Silleda, 16 de xuño de 2014. O Concello de Silleda vén de licitar o contrato de xestión e explotación da Cafetería-Bar do Centro Social dos Maiores de Silleda. Logo da publicación hoxe do anuncio, as ofertas poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello nun prazo de 15 días naturais contados a partir de mañá, é dicir, o prazo rematará o vindeiro 1 de xullo.
A adxudicación realizarase por procedemento negociado. O prezo de licitación establecido é de 365 euros anuais (30,41 euros ao mes) e concesión realizarase por un periodo de 2 anos, prorrogables ata un máximo de 4.
“Con este proceso pretendemos mellorar a xestión deste servizo ubicado no Centro Social, así como a súa calidade, para que os nosos maiores e os usuarios do centro en xeral reciban o mellor servizo posible”, sinala Pili Peón, a concelleira de Participación Cidadá. Este departamento é o encargado dos dous centros sociais cos que conta o municipio.