Silleda, 24 de xuño de 2014. O vindeiro martes día 1 de xullo abrirán ao público os dous recintos das piscinas municipais (en Silleda e A Bandeira). O horario será o mesmo que o do ano pasado: de 14.00 a 21.00 horas, de luns a venres e o sábado e domingo abrirán de forma continuada dende as 15.00 ás 21.00 horas. Pola semana, impartiranse cursos de natación en horario de 12.00 a 14.00 horas. Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse nas piscinas a partir do día da apertura.
O custe da entrada será de 1 euro, tal e como recolle a ordenanza de instalacións deportivas aprobada en 2011, e abonarase nas propias instalacións.
Tamén están xa á venda no Concello (nas dependencias do Rexistro Xeral, na primeira planta ) os bonos para toda a tempada. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.
Así mesmo, as persoas que estén empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Para os dous cónxuxes custarán 20 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, 8 euros, e a partir do terceiro fillo, 0 euros.
Nesta mesma semana está previsto que se celebren as probas de selección dos socorritas que atenderán os dous recintos.