Silleda, 27 de xuño de 2014. O I Premio Concello de Silleda á Normalización Lingüística no ámbito empresarial e comercial xa ten nome. Emse Deseño Gráfico foi a entidade que tivo máis puntuación segundo recolle a acta do xurado, formado polo alumnado do ciclo de Marquetin e Actividades comerciais, do equipo de Normalización do IES.
José Antonio Gómez Moreira é a persoa que está detrás desta empresa da Bandeira, que abre a lista de gañadores do certame. Natural de Oca (A Estrada), este mozo emprendedor é deseñador gráfico e hai 4 anos decidiu crear a súa propia firma empresarial apostando claramente polo galego.
O equipo do IES que se encargou de realizar as valoracións nos 7 establecementos que optaban ao galardón tivo en conta aspectos como o uso do noso idioma na web, logos, cartelería e outros elementos indicativos, atención ao público, ou facturas, entre outros.
Esta iniciativa, que se presentou o pasado mes de maio foi organizada polo departamento municipal de Normalización Lingüística, que dirixe Margarita Campos, en colaboración co IES Pintor Colmeiro e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL).
Este ten por obxeto estimular nos comerciantes e empresas do municipio o uso do galego na actividade comercial comprendendo, tanto a empresas cunha tradición recoñecida na súa normalización como a aquelas que se incorporan recentemente ás prácticas normalizadoras. Ademais de felicitar ao gañador, a concelleira Margarita Campos tamén agradece o traballo realizado polo equipo do IES Pintor Colmeiro.
O premio consiste nun diploma outorgado polo Concello de Silleda máis un convite, outorgado pola SXPL para visitar o Museo do Pobo Galego, a Casa Museo de Rosalía (para dúas persoas) así coma un lote de produtos de lecer en galego (libros, musica e adiovisual). Tamén se concede unha visita guiada, neste caso para 10 persoas á mostra “Auga Doce”, da Cidade da Cultura.
Esta iniciativa conxunta do Concello e do centro educativo xurdiu despois dun estudo realizado polo alumnado do IES sobre a paisaxe lingüística de Silleda, e que concluiu que mentres as Administracións cumprían nun 90 % no uso do galego, as empresas privadas só o facían, no tocante a sinais indicadoras e outros nun 20%.
Estes galardóns entregaranse o vindeiro mércores día 2 de xullo na Casa da Cultura nun acto que se celebrará ás 12.30 horas con presenza de representantes municipais (o alcalde, Manuel Cuíña, a concelleira de Cultura e Normalización, Margarita Campos e o concelleiro de Comercio, Luis Rodríguez), personal do IES Pintor Colmeiro (o director do IES, Xesús Fernández Sulleiro, e dous membros do profesorado, Cibrán Arxibai e Helena González), e ao que tamén acudirá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Para o sector hostaleiro
No mesmo acto tamén se entregará as cartas de menús en tres idiomas (galego, castelán e inglés) aos primeiros establecementos solicitantes: o restaurante Carballeira do Chousiño e Restaurante González. Esta iniciativa, totalmente gratuita para os locais, tamén é froito doutro convenio entre o Concello de Silleda, neste caso do departamento de Turismo, e o IES Pintor Colmeiro e séguese a ofertar a todos aqueles establecementos de restauración que o desexen.
Esta iniciativa xurdeu ademais tendo en conta que cada vez son máis os turistas que se achegan a Silleda, ademais de peregrinos de diversos países.
“Coa idea de mellorar a atención no sector, e de novo coa inestimable colaboración do equipo do IES Pintor Colmeiro faranse de maneira gratuita cartas de menús en galego, castelán e inglés a todos aqueles establecementos que o desexen”, sinala Margarita Campos.
Asimesmo, os asistentes farán unha visita á mostra Silleda no século XIX, que continúa aberta ata o vindeiro día 13 de xullo. A SXPL tamén colaborou coa edición do catálogo desta exposición que xa superou as 500 visitas dende a súa apertura o pasado día 7 de xuño.