Silleda, 24 de xullo de 2014. O goberno municipal de Silleda, con ánimo de continuar avanzando na mellora e humanización de espazos urbanos, presentou a finais do pasado ano unha nova inversión nas rúas de Silleda. En concreto, o novo proxecto de mellora incluía a reforma da rúa Progreso, no cruce coa Emilio Alonso Paz, e coa praza Siñor Afranio.
A intervención, que se realizará dende o Concello de Silleda con cargo ao Plan de Investimentos da Deputación (PID), ten un orzamento de 49.641,65 euros. Afectará a dous puntos de confluenza da rúa Progreso, unha das máis transitadas do casco urbano e con grande actividade comercial. A empresa adxudicataria do proxecto, Construccións Vence Vázquez S.L., vén de iniciar os traballos de mellora que teñen unha duración estimada de 3 ou 4 semanas.
No cruce de Progreso coa Alonso Paz, onde se iniciaron as obras, proxectase a ampliación das catro esquinas da beirarrúa para conseguir a formación de vaos peonís. Elevarase tamén a cota do asfalto para manter ao mesmo nivel a rúa Emilio Alonso Paz.
No caso do cruzamento coa praza Siñor Afranio, tamén se eleva a cota do pavimento asfaltado ata o actual borde da beirarrúa. Así mesmo, para conseguir a uniformidade da praza e a supresión total de barreiras arquitectónicas , tamén se levará a cabo a mesma actuación no tramo da rúa Antón Alonso Ríos (antiga San Isidro), ata o enlace coa rúa Castrelo. Esta ampliación farase con formigón impreso, similar ao colocado na rúa Cartaxena.
Para acometer estas tarefas de urbanización, haberá que remodelar tamén os sumidoiros e arquetas nas zonas onde se prevé realizar as obras. Tamén será necesario executar unha rede de recollida de pluviais.
En ámbolos dous puntos colocarase pavimentos distintos para diferenciar os pasos de peóns e os límites coa rúa, de acordo tamén á Lei de Supresión de Barreiras Arquitectónicas. Tamén está previsto colocar bolardos para a protección dos viandantes.
Dende o goberno municipal, o alcalde, Manuel Cuiña, sinala que con esta intervención ademais da mellora estética destes puntos do casco urbano, tamén se gañará en accesibilidade e seguridade neste tramo urbano.