Silleda, 6 de agosto de 2014. O executivo municipal aprobou en Xunta de Goberno os pregos de clausulas para a contratación do Servizo do Programa Lúdico Educativo de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo. O proceso tramítase por procedemento aberto, de forma urxente, e os pregos nos que se recollen as condicións administrativas e técnicas poden consultarse na web municipal silleda.es, no perfil do contratante (dentro do apartado de servizos).
As empresas interesadas en optar á xestión deste servizo, dirixido a escolares de 3 a 12 anos de idade, dispoñen de 8 días naturais contados a partir de mañá xoves para presentar as súas ofertas, polo que o prazo remata o vindeiro xoves día 14. O servizo ofertarase coma sempre durante o curso escolar e tamén durante as vacacións de Nadal e verán.
O procedemento está aberto a todas aquelas empresas interesadas e que cumpran cos requisitos que esixen as bases, que poden consultarse tamén no Concello (en Secretaría Xeral).
Entre os criterios de adxudicación que recollen os pregos figuran, ademais do programa lúdico educativo, cuestións coma o prezo do contrato, ou disposición de maior número de monitores/as.
O servizo desenvolverase como vén sendo habitual no CEIP de Silleda, ofertando no CEIP da Bandeira soamente os campamentos de Nadal e verán, sempre e cando se acade un mínimo de 25 inscricións.
Comezará a prestarse o vindeiro 10 de setembro, data de inicio do curso escolar, en horario de 15.00 a 21.00 horas. No caso dos campamentos de Nadal e de verán o horario amplíase con servizo pola mañá (será de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
O número máximo de prazas volve a situarse en 35, sempre por estricto orde de inscricións e quedando en todo caso en lista de agarda os escolares que se inscriban unha vez superado este número.
Reaxuste de prezo e novidades na inscrición, xa aberta
Dende o departamento municipal de Educación, que dirixe Pilar Peón, á vista de que este servizo viña resultando moi deficitario nos últimos anos para as arcas municipais, xa o pasado se realizou un estudio vendo as necesidades reais dos usuarios deste programa que naceu para a conciliación da vida laboral e familiar.
Así, xa no último curso se reduxo o prezo de licitación, e tamén de xeito correlativo o número de prazas.
Deste xeito o número máximo de prazas volve a situarse en 35 e o prezo de licitación é de 35.000 euros.
O prazo para que os nenos e nenas se preinscriban no servizo está xa aberto e poderá realizarse ata o venres 29 de agosto. As inscricións deben de facerse, como de costume no Rexistro Xeral do Concello. Como novidade este ano o departamento de Educación confeccionou un único formulario co que as familias teñen xa a posibilidade de formalizar a matrícula do servizo e dos dous campamentos nunha soa inscrición.
“Deste xeito simplifícase a tramitación para as familias que xa teñan claro que van precisar deste servizo de conciliación tamén durante o Nadal e a época de verán”, engade a concelleira Pilar Peón.