A Oficina de Vivenda informa de novas axudas autonómicas para incorporar vivendas ao mercado de alugueiro accesible

A Oficina de Vivenda do Concello de Silleda informa da apertura do prazo para solicitar as axudas da Xunta de Galicia dirixidas a persoas e entidades propietarias de vivendas co obxectivo de incorporalas ao mercado de alugueiro a prezos accesibles. O prazo estará aberto desde hoxe día   18 de xullo ata o 30 de outubro de 2025 ás 14.00 horas.

Estas axudas, convocadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), buscan incentivar o alugueiro de vivendas baleiras mediante tres liñas de apoio:

  • Axuda para seguros de impago de rendas e/ou seguro multirrisco do fogar.
  • Axuda para obras de reparación e adecuación da vivenda.
  • Axuda adicional vinculada para quen destine a vivenda a persoas menores de 36 anos, familias con menores ou unidades de convivencia con persoas dependentes con discapacidade recoñecida.

Poderán acollerse a estas axudas tanto persoas físicas como xurídicas, incluídas aquelas empresas que teñan entre os seus fins a promoción de vivendas. As vivendas deberán estar situadas en Galicia, non estar acollidas a réxime de protección pública e non ter estado arrendadas nos tres meses anteriores á solicitude (salvo casos xustificados polos servizos sociais).

Os contratos de alugueiro deberán destinarse a vivenda habitual e permanente, estar regulados pola Lei de Arrendamentos Urbanos e respectar os límites de renda establecidos para cada concello.

A Oficina de Vivenda do Concello de Silleda ofrece apoio e información a todas aquelas persoas interesadas en acollerse a este programa. Trátase dunha oportunidade para poñer en valor vivendas actualmente desocupadas, garantir ingresos seguros ás persoas propietarias e facilitar o acceso á vivenda a colectivos con maiores dificultades.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina de Vivenda do Concello de Silleda no seu horario habitual ou contactar cos servizos municipais a través dos canais dispoñibles.