Silleda, 8 de agosto de 2014. O Concello de Silleda cede á Asociación Amigos de Silleda un local na pranta baixa da Casa da Cultura. Este acordo materializase nun convenio que asinaron hoxe o alcalde, Manuel Cuíña e a presidenta da asociación, Eulalia Trabazo.
Segundo recolle o acordo o local servirá para albergar nas citadas instalacións o arquivo fotográfico da entidade, ademais de servir como sede da asociación.
Este convenio enmárcase dentro das accións municipais para a promoción da cultura e apoio ao desenvolvemento sociocultural dos silledenses. “Deste xeito proporcionamos a este colectivo unhas instalacións axeitadas para que utilicen como sede e punto de encontro á hora de organizar as súas actividades”, engade o alcalde.
Mª Eulalia Trabazo, recentemente nomeada presidenta da asociación agradeceu en nome da entidade a cesión realizada polo Concello.
Esta asociación celebrará pasado mañá domingo o seu décimo encontro no recinto da Saleta de Siador, coa celebración de distintas actividades que veñen a promocionar o municipio trasdezano. Dende o Concello, Manuel Cuíña, eloxia o traballo que vén realizando a directiva de Amigos de Silleda, “sobre todo no que se refire á compilación de imaxes antigas que recordan a historia do noso municipio”, engade o alcalde.