
O Concello de Silleda vén de recibir unha subvención de 13.500 euros, concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration, para a instalación de catro puntos limpos de proximidade en Silleda e Bandeira. A axuda cobre o 90 % do investimento total, que ascende a 15.000 euros, e o 10 % restante será financiado polo propio Concello.
Estes puntos limpos de proximidade veñen a completar os recursos existentes, facilitando a recollida separada de residuos de pequeno tamaño que non deben depositarse nos colectores habituais, como cápsulas de café, teléfonos móbiles, cartuchos de impresora, material escolar, pequenos aparellos electrónicos ou lámpadas. Cada unidade contará con sete compartimentos diferenciados, cun deseño adaptado para asegurar a correcta separación e facilitar a reciclaxe.
Os novos puntos limpos estarán situados en Bandeira, fronte ao CEIP Ramón de Valenzuela e na entrada do campo de fútbol, xunto á illa ecolóxica e en Silleda, na rúa da Estación, ao carón da Escola Infantil A Galiña Azul, e na avenida do Parque, á altura da rúa Tras da Igrexa.
A actuación foi adxudicada á empresa Macane Reciclaxes SL mediante contrato menor, e inclúe a subministración, transporte, instalación e sinalización dos puntos. O prazo de execución será de dous meses dende a notificación da adxudicación.
“Estes novos puntos reforzan e completan as instalacións existentes, facilitando que cada vez máis persoas poidan reciclar correctamente sen desprazarse. Supoñen tamén unha ferramenta educativa e de sensibilización, especialmente nas contornas escolares”, destaca o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Requeijo.
Con esta actuación, o Concello de Silleda continúa a avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos, contribuíndo aos obxectivos ambientais da Axenda 2030.
