Silleda aposta pola saúde pública no programa “Adestra a túa Saúde”

O Concello de Silleda continúa a reforzar o seu compromiso coa saúde e o benestar da veciñanza a través de dúas novas iniciativas que consolidan esta aposta estratéxica. Por unha banda, o pleno municipal ordinario previsto para o vindeiro  xoves  dia 24,  abordará a adhesión do municipio á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), mentres que por outra, Silleda vén de ser seleccionado como un dos  concellos galegos que participarán no programa Adestra a túa Saúde, impulsado pola Xunta de Galicia.

Adhesión á RECS

A Rede Española de Cidades Saudables é unha iniciativa da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en colaboración co Ministerio de Sanidade. Conta actualmente con máis de 540 entidades locais adheridas e ten como obxectivo promover políticas públicas municipais que favorezan contornas urbanas máis saudables, sostibles e inclusivas.

A adhesión permitirá a Silleda acceder a programas, formacións, recursos técnicos e subvencións específicas para o fomento da saúde local, así como compartir boas prácticas con outros municipios do Estado. Supón tamén asumir o compromiso de integrar o enfoque da saúde en todas as políticas locais.

“Queremos que Silleda siga avanzando como un concello comprometido coa calidade de vida da súa veciñanza. Sumarnos a esta rede é dar un paso máis cara a un modelo de municipio que promove o benestar en todos os ámbitos”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena.

Programa «Adestra a túa Saúde»

Ademais, Silleda vén de ser seleccionado pola Xunta como un dos  concellos galegos que participarán no programa piloto Adestra a túa Saúde, unha iniciativa pioneira que une saúde e deporte mediante a colaboración directa co sistema sanitario.

O programa, promovido polas consellerías de Sanidade e Deportes da Xunta de Galicia e cofinanciado con fondos europeos Next Generation, ten como finalidade fomentar a prescrición de exercicio físico desde os centros de saúde para persoas maiores de 60 anos ou con risco cardiovascular, sempre que non teñan contraindicación médica.

A vindeira semana, representantes do Concello acudirán a unha reunión en Santiago de Compostela para concretar o plan de implantación, que se desenvolverá ata finais de ano. O programa inclúe ademais formación para o persoal técnico, ferramentas dixitais para o seguimento e coordinación directa co centro de saúde local.

“É unha excelente oportunidade para dar un paso máis na consolidación dunha Silleda activa e saudable, integrando o ámbito sanitario e o deportivo en beneficio da veciñanza”, destaca a alcaldesa.

O Concello lembra que este programa encaixa na liña doutras iniciativas xa impulsadas no municipio como Silleda Camiña ou Silleda MoveMente, programas que combinan actividade física ao aire libre , no marco tamén  do Plan Municipal de Saúde Mental.