O Concello de Silleda abre o prazo para solicitar as bolsas municipais para estudos superiores no curso 2025-2026

O Concello de Silleda vén de abrir o prazo para solicitar as Becas Municipais dirixidas a estudantes de estudos superiores que cursen o curso académico 2025-2026 fóra do municipio, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria, aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 28 de xullo, segue as bases reguladoras previamente ratificadas polo Pleno da Corporación o 30 de maio de 2025 e publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) nº 107, do 6 de xuño.

As axudas teñen como obxectivo reducir os gastos derivados da formación do alumnado empadroado no municipio, sempre que leven polo menos un ano empadroados/as antes da publicación da convocatoria. Os estudos subvencionables son os recollidos no punto 5.2 das bases, e deben realizarse fóra de Silleda pero dentro da comunidade galega.

As persoas interesadas dispoñen dun prazo de 10 días hábiles, a contar desde o día seguinte á publicación oficial da convocatoria no BOPPO, para presentar a súa solicitude a través do rexistro electrónico do Concello de Silleda, tal como establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar as basese anexos ao completo aquí ou dirixirse aos servizos municipais de atención ao cidadán no 986 59 20 37.