Renovado o convenio con Tragsa para o uso da base do Grumir

Silleda, 12 de agosto de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña,  vén de asinar un convenio coa  EMPRESA DE TRANSFORMACIÓN AGRARIA, S.A. (TRAGSA), para que os operarios desta firman poidan utilizar as dependencias que se usaban como base do Grupo Municipal de Intervención Rápida  (GRUMIR), sitas no parque empresarial Área 33.

 

Tragsa non contaba na actualidade con instalacións axeitadas e con capacidade suficiente para albergar ao persoal destinado na provincia de Pontevedra, polo que solicitou, ao igual que nos últimos anos,  a utilización das instalacións dependentes do Concello de Silleda para o seu uso como punto de encontro de brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais, xa que se atopa nunha ubicación estratéxica dentro da comarca do Deza.

 

O convenio entrará en vigor o vindeiro venres 15 e estará vixente ata o vindeiro 15 de novembro.  A empresa poderá utilizar as instalacións e como contraprestación para o Concello de Silleda, a empresa Tragsa,  asumirá  actividades compensatorias. Así procederán á limpeza do Parque Municipal das Pedrosas, así como de diversas áreas  pertences ao Concello de Silleda no Polígono Área -33.