
O Concello de Silleda vén instalar 4 novos puntos limpos de proximidade nas vilas de Silleda e da Bandeira. O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Requeijo, supervisou hoxe xunto con personal municipal a instalación desta nova dotación, logo de recibir o Concello unha subvención de 13.500 euros, concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration, para a instalación de catro puntos limpos de proximidade en Silleda e Bandeira. A axuda cobre o 90 % do investimento total, que ascende a 15.000 euros, e o 10 % restante será financiado polo propio Concello.
Estes puntos limpos de proximidade veñen a completar os recursos existentes, facilitando a recollida separada de residuos de pequeno tamaño que non deben depositarse nos colectores habituais, como cápsulas de café, teléfonos móbiles, cartuchos de impresora, material escolar, pequenos aparellos electrónicos ou lámpadas. Cada unidade conta con sete compartimentos diferenciados, cun deseño adaptado para asegurar a correcta separación e facilitar a reciclaxe.
Os novos puntos limpos están situados en Bandeira, fronte ao CEIP Ramón de Valenzuela e na entrada do campo de fútbol, xunto á illa ecolóxica e en Silleda, na rúa da Estación, ao carón da Escola Infantil A Galiña Azul, e na avenida do Parque, á altura da rúa Tras da Igrexa.
A actuación foi adxudicada á empresa Macane Reciclaxes SL mediante contrato menor, e inclúe a subministración, transporte, instalación e sinalización dos puntos. O prazo de execución será de dous meses dende a notificación da adxudicación.
“Estes novos puntos reforzan e completan as instalacións existentes, facilitando que cada vez máis persoas poidan reciclar correctamente sen desprazarse. Supoñen tamén unha ferramenta educativa e de sensibilización, especialmente nas contornas escolares”, destaca o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Requeijo.
Con esta actuación, o Concello de Silleda continúa a avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos, contribuíndo aos obxectivos ambientais da Axenda 2030.

Subvención 13.500€ concedida ao abeiro da Orde do 17 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Balicia para o financiamento de actuación en materia da residuos de competencia municipal cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, Financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU,e se procede a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento MT975U
