Esta semana quedarán listas as obras de mellora de todo o viario que transcorre entre as vivendas deste núcleo, cun investimento valorado en máis de 88.000 euros
Silleda, 21 de agosto de 2025. .- O Concello de Silleda vén de iniciar os traballos de mellora viaria na parroquia de Xestoso. Esta actuación, que está previsto remate nesta mesma semana, afecta á rede viaria que trascorre polo medio das vivendas dos lugares de Xestoso, Ríos e Fontelas, así como ás conexións entre estas localidades.
As obras, valoradas en máis de 88.000 euros, están sendo executadas pola empresa Taboada y Ramos, que actuará nalgo máis de 1 kilómetro. Os traballos inclúen limpeza de cunetas, rega asfáltica de adherencia e pavimentación con formigón bituminoso en quente. Como mellora ofertada pola empresa adxudicataria, inclúese tamén a regularización previa da base e a instalación de elementos de suxeición de aceiro para os colectores de lixo.
A alcaldesa e responsable municipal de Obras, Paula Fernández, e a tenenta de alcaldesa, Mónica González, visitaron os traballos que veñen a mellorar os accesos nesta localidade.
Con esta obra, continúa o plan de mellora integral de vías que se materializará este ano con cargo ao préstamo por valor de 1.750.000 euros, -con cargo aos remanentes municipais- froito dun acordo respaldado por toda a Corporación Municipal.
A día de hoxe xa foron executadas as obras de mellora nos lugares de Toiriz e Toxa, da parroquia de Silleda, en Costela (Margaride) e na parroquia de Rellas (A Lama e Torrevedra) .
En canto aos proxectos restantes, os correspondentes ás parroquias de Manduas, Piñeiro e Abades, iniciránse nas vindeiras semanas estando a piques de rematar o proceso de contratación.
No caso das obras de Chapa, Cira e Dornelas, estes contan xa por fin con todas as autorizacións sectorais, polo que se licitarán de maneira inmediata, quedando pendente só as de Ponte, pendentes dunha autorización da Xunta de Galicia.
