Silleda, 19 de agosto de 2014. A Xunta de Goberno Local de Silleda acordou hoxe propoñer á empresa Fernández Sarmiento como adxudicataria das obras do proxecto denominado Mellora de Infraestruturas viarias no Parque Empresarial Área 33, por importe de 115 345,20 euros. O proceso iniciado hai varias semanas por procedemento negociado, foi acordado hai varias semanas, solicitando ofertas a seis empresas. Só a firma adxudicataria e outra empresa concorreron a esta actuación, que foi solicitada dende o Concello de Silleda a través da convocatoria de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, cofinanciadas polo fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER).
Dende a Consellería de Economía aportarase o 80% (92.276,32 euros) e a cantidade restante financiarase con fondos municipais.
O proxecto inclúe a mellora de todo o viario e tamén das beirarrúas do parque empresarial silledense. En total renovarase todo o tramo de beirarrúas (actuando sobre 4.600 metros) e o pavimento de todo o viario (4.100 metros).
Con esta actuación complétanse anteriores dotacións neste parque empresarial, logo de que o Concello se acollera a esta orde de axudas por terceiro ano consecutivo. Así, no ano 2012 instalouse no recinto do parque un sistema de videovixiancia para mellorar as condicións de seguridade das empresas situadas no recinto empresarial. O pasado ano, levouse a cabo tamén un importante proxecto no plano enerxético coa instalación dun sistema de placas fotovoltáicas destinadas ao autoabastecemento do alumeado exterior no parque empresarial Área 33 de Silleda, con máis de 80.000 euros de inversión.
O prazo de execución dos traballos, cos que mellorará notablemente a infraestrutura e servizos das empresas instaladas e dos usuarios deste parque empresarial, é de un mes.