-A dotación, a través da axuda do Agader, farase en dúas fases, unha este ano e outra en 2015
Silleda, 21 de agosto de 2014. A Xunta de Goberno Local de Silleda adxudicou á empresa Endenor a instalación de parladoiros e elementos biosaudables nun total de 16 parroquias. Das tres ofertas presentadas ao oncurso, por procedemento negociado, a da firma adxudicataria foi a máis vantaxosa, ao presentar unha mellora no prazo de garantía do mobiliario e incluir tamén a instalación. O prezo de adxudicación foi de 37.847 euros.
Esta actuación ten obxecto por dinamizar o rural do municipio, coa instalación dunha serie de espazos nos que se conxugue a actividade física co descanso e a socialización.
Así contemplase a dotación combinada de elementos biosaudables cos chamados parladoiros, zonas de recreo dispostas con asentos onde poder descansar e falar. “Ademais de dinamizar as nosas parroquias, búscase favorecer as relacións interpersoais en zonas con poboación dispersa, ademais de fomentar a práctica de exercicio para os maiores”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.
Contemplase a dotación dun total de 16 novas áreas formadas por parladoiros con exercicios biosaudables. Cada un deles constaría, segundo o proxecto, de dúas sillas, un banco e cadansúa placa identificativa, ademais de elementos para realizar exercicios biosaudables.
O proxecto foi presentado, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras do Deza, ás axudas do Plan Leader, a fin de contar con subvención para poñer en marcha esta iniciativa, dentro dos programas destinados á diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida. A actuación realizarase en dúas fases, dotando este ano a 10 parroquias e ao resto no 2015. Estas dotacións situaránse nas seguintes localidades: Siador, Cortegada, Laro, Parada, Taboada, Saídres, Negreiros, Breixa, Ansemil-Martixe, Abades, Dornelas, Cira, Moalde, Rellas, Escuadro e Graba.