Silleda participará nun experimento pioneiro do CSIC sobre patrimonio e mente humana

O Concello de Silleda colaborará co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no desenvolvemento dun experimento do proxecto internacional XSCAPE – Material Minds, unha iniciativa financiada polo Consello Europeo de Investigación (ERC) que estuda como o contorno material e o patrimonio cultural inflúen na nosa forma de percibir o mundo, pensar e comportarnos

A actividade terá lugar en Silleda o vindeiro 10 de outubro na Casa da Xuventude de Silleda, e consistirá nun experimento de arredor de 15 minutos, no que as persoas participantes deberán observar diferentes obxectos e imaxes mentres o equipo investigador rexistra datos sobre os seus movementos oculares e corporais. As técnicas utilizadas son totalmente seguras, non invasivas e sen efectos secundarios, e todos os datos recompilados serán tratados de forma anónima e confidencial.

O proxecto XSCAPE, liderado en España polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), investiga a relación entre a cultura material e o desenvolvemento da mente ao longo da historia, integrando achegas da neurociencia, a arqueoloxía e a filosofía.

As persoas interesadas en participar deberán enviar un correo electrónico a cultura@silleda.gal indicando os seus datos de contacto e a preferencia de horario para realizar o estudo, de mañá ou de tarde.

A selección farase por orde de inscrición ata completar as prazas dispoñibles.
Cada persoa participante recibirá unha recompensa de 25 euros polo seu tempo e colaboración.

📍 Máis información sobre o proxecto: www.xscape-project.eu