Silleda, 3 de setembro de 2014.- O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, presentou esta mañá ao alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, a multitudinaria partida nacional de Airsoft que se celebrará na Feira Internacional de Galicia os vindeiros 6 e 7 de setembro, e que converterá ao recinto nun referente para os afeccionados a este xogo de estratexia baseado na simulación militar no que se empregan réplicas de armas de fogo que disparan pequenas bolas biodegradables e equipamento parecido ao militar.
Ao encontro, que tivo lugar na casa consistorial, acudiron tamén José Luis Méndez Dobarro e Alfonso Batán, presidente e vicepresidente da Asociación Deportivo – Cultural N.E.A.T, organizadora da partida, quen explicaron ao rexedor detalles tanto desta competición como da práctica do Airsoft.
Manuel Cuíña cualificou esta cita como “moi interesante e novidosa”. O alcalde destacou o feito de que a día de hoxe se formalizaran xa reservas hosteleiras en establecementos de Silleda por parte dos participantes foráneos. “Este tipo de eventos serven para dinamizar a economía local, e polo tanto dende o Concello de Silleda agardamos que sexa todo un éxito e que poida ter continuidade”, engade o rexedor.
Pola súa banda, Ricardo Durán fixo fincapé na súa exposición ao alcalde en que a celebración desta partida no recinto, que poderá repetirse varias veces ao ano, é unha boa nova para Silleda, pois “atraerá a polo menos 200 participantes á localidade, tanto da Comunidade como de distintos puntos de España”, os cales “realizarán gasto no concello e poderán coñecelo”. Así mesmo, destacou que esta cita “reflexa a nova liña de apertura da Fundación a todo tipo de actividades e eventos, así como a versatilidade do recinto para acollelos”.
Unha das poucas partidas de ámbito nacional
Esta partida de Airsoft será unha das poucas de ámbito nacional que se celebrarán este ano. Sen embargo, si a experiencia é positiva, especialmente en canto ao terreo, a pretensión dos organizadores é realizar no futuro no recinto unha partida a nivel europeo.
En canto a esta convocatoria, o primeiro día os asistentes recibirán o guión do xogo, conformarán os distintos equipos e unidades e recoñecerán o terreo, para competir xa o segundo día. Ao remate, o equipo gañador será aquel que consiga o maior número de obxectivos.