A Casa da Cultura acolle dende o 12 de setembro unha exposición antolóxica do artista silledense José Brea Colmeiro

 

Silleda, 29 de agosto de 2014. A Casa da Cultura de Silleda acollerá do 12 de setembro ao 10 de outubro unha exposición antolóxica de José Brea Colmeiro (Lamela, 1936). O autor silledense, natural da parroquia de Lamela, encherá as tres salas de exposicións do edificio con distintas creacións, destacando a súa obra pictórica, co realismo como protagonista.

Escultura, debuxo e algunha das súas primeiras tallas formarán parte da que será a primeira exposición de Brea Colmeiro na súa terra natal, e que foi presentada hoxe.

A concelleira de Cultura, Margarita Campos, e o alcalde, Manuel Cuíña, acompañaron hoxe ao autor na presentación desta importante mostra, a través da que moitos silledenses descubrirán e admirarán a obra do autor, que se adicou ao ensino como Catedrático de Debuxo.

Campos, explicou que esta mostra antolóxica se presenta baixo o título “Sensibilidades da miña vida”, e será inaugurada o venres dí a12 ás 20.00 horas.  O horario de visita será de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

A concelleira de Cultura destacou a dilatada traxectoria de Brea Colmeiro, discípulo do xenial Antonio López, mestre do Hiperrealismo e que mantivo contacto con ilustres pintores galegos coma o silledense Manuel Colmeiro, ao que o unen vínculos familiares, Laxeiro, Quesada ou Luis Seoane entre outros.

“É unha exposición antolóxica, moi completa e que seguro descubrirá para moitos veciños e veciñas o grandísimo talento deste veciño noso, que aínda que reside en Salamanca non esquece as súas orixes”, dixo agradecendo ao autor que decidirá exponer na súa terra. Margarita Campos tamén agradeceu a José Valiño a súa colaboración no traslado das obras dende o Museo de Lalín. 

Pola súa banda Brea Colmeiro, agradeceu a acollida do Concello de Silleda no seu regreso a Galicia onde só expuxera nos anos 70 en Pontevedra, ademais de repasar os seus comezos como artista e avanzar que xa está preparando unha nova mostra na Casa de Galicia, en Madrid.

O alcalde, Manuel Cuíña, lembrou que a mostra de Brea Colmeiro tomará o relevo da exposición “Silleda no século XIX”, “que marcou un antes e un despois no ámbito das exposicións en Silleda e que foi todo un éxito con milleiros de visitas”.

Cuíña amosou o seu convencemento de que a obra de Brea Colmeiro “suscitará tamén moito interese e chegará ao corazón dos silledenses que disfrutaremos da obra dun dos moitos e xeniales autores que deu, da e continuará dando este municipio”, engadiu.

(O Cartel da mostra é un retrato de Natalia Castro, a que fora musa do pintor Julio Romero de Torres, realizado no ano 1965)

José Brea Colmeiro naceu en 1936 na parroquia silledense de Lamela, onde pasou a súa infancia e mocidade ata que en 1955 se trasladou a Lalín para estudar o Bacharelato no actual instituto Laxeiro. A súa vocación artística pronto xurdirá en Brea Colmeiro, que xa destacaba nos seus estudios en materias como Debuxo.

Algúns dos seus primeiros bocetos están hoxe en Lalín, nas mans dos compañeiros do autor, que seguramente aínda lembren as esculturas de neve que Brea facía na praza de Loriga de xeito espontáneo, e que chegaron a ser protexidas pola Policía Local para garantir a súa conservación e amosarllelas ao público.

No ano 1964 alentado por familiares e amigos, José Brea realizou con éxito as probas de acceso á Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando, Madrid, onde foi alumno do xenial pintor Antonio López, co que lle une dende entón unha gran amizade. López outorgoulle unha Matrícula de Honor, a única dese curso, na disciplina de Colorido y Composición.

Brea Colmeiro obtivo  o título de profesor de Debuxo a mediados dos anos 60, impartindo clases en localidades como A Estrada, Sabadell, Puigcerdá, Cuéllar, Bembibre…

No ano 96 trasládase a Salamanca como Catedrático de Debuxo no Instituto Torrente Ballester, no municipio de Santa María de Tormes, preto da capital. Neste periodo, e como homenaxe a Torrente, residente en Salamanca, realizou un busto en broce do escritor que está hoxe á entrada do instituto salmantino que leva o seu nome.

Brea Colmeiro realizou exposicións en Madrid, Sabadell, Pontevedra… atesorando ademais diversos premios e recoñecementos ao longo da súa dilactada traxectoria, na que mantivo contacto con prestixiosos artistas galegos como Luis Seoane, Laxeiro, ou o silledense Manuel Colmeiro, do que era familiar.

Na actualidade, José Brea, está xubilado e continua realizando a súa faceta artística no seu estudo en Salamanca, cultivando a escultura, o debuxo e sobre todo a pintura (con diferentes técnicas), na que destacan os seus paisaxes e bodegóns.

PREMIOS E DISTINCIÓNS

1968.-Seleccionado pola Escola Superior de Bellas Artes de San Fernando (Madrid). Concecsión Beca para a Fundación Rodríguez Acosta (Granada)

1968.- Exposición colecitva  na Fundación Rodríguez Acosta

1969.-Exposición individual na Sala da Delegación Provincial do Ministerio de Información e Turismo (Pontevedra)

1969 .- Seleccionado pola Deputación Provincial de Pontevedra para a Bienal Internacional de Pintura

1972- Exposición individual na Academia de Bellas Artes de Sabadell (Barcelona)

1972.-Exposición individual en Vilanova i la Geltrú (Barcelona)

1972.- Exposición individual na Sala Rovira de Sabadell (Barcelona)

1973.-Participación na Subasta Benéfinca pro-damnificados dos Suroeste de España, patrocinado por Princesa de España. Dúas obras vendidas

1976.- Segundo premio Nacional IV do Concurso de Exposición Nacional de Pintura do Ministerio de Educación y Ciencia (Madrid)

1975.- Seleccionado para o VI Concurso Exposición Nacional de Pintura do Ministerio de Educación y Ciencia.