Adxudicados a Fernández Sarmiento os traballos para a elevación de seis pasos peonís en Silleda e na Bandeira

Silleda, 12 de setembro de 2014. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de adxudicar á empresa Fernández Sarmiento as obras do proxecto para a mellora de seguridade viaria nos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira.

O proxecto inclúe a elevación dun total de 6 pasos de peóns ubicados en diversas rúas nas que se concentran zonas escolares e outros espazos donde é frecuente a presencia de nenos.

Así, en Silleda instalaránse dous na rúa María Colmeiro: un no paso de peóns  fronte ao colexio María Inmaculada e outro á altura da praza de Benito Rivas, onde tamén acoden familias con nenos/as frecuentemente.

No casco urbano da capital Trasdeza tamén se instalarán outros dous pasos elevados no tramo da rúa Pintor Colmeiro. Estarán ubicados nos pasos situados á altura do cruce coa rúa Emilio Alonso Paz, unha intersección onde se teñen procucido xa numerosos accidentes.

No caso da Bandeira, os pasos elevaránse na rúa da Feira, á altura do entronque coa rúa Entroido, e na rúa do Parque, á altura da rúa dos Pendellos. “Nestes dous casos trátase de medidas correctoras de velocidade que completarán  as que xa se adoptaron hai meses, a petición das familias usuarias do parque infantil da Bandeira, situado nesta zona”, engade o alcalde, Manuel Cuíña.

O rexedor silledense explica que o proxecto, para actuar en vías de titularidade municipal,  está avalado ademais por un informe da Policía Local, que sinala que esta solución mellorara as condicións de tráfico nos tramos citados, ao reducirse a velocidade e aumentarse o tempo de reacción dos condutores, coa consecuente mellorar de seguridade.

As obras teñen un orzamento de 20.519, 78 euros e serán realizadas polo Concello de Silleda ao abeiro do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais de 2014.

A oferta da empresa adxudicataria inclúe o compromiso de realizar os traballos nun prazo de un mes.

 

Solicitude ante Fomento

Por outra banda, o alcalde de Silleda remitiu en días pasados un novo escrito á Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra, do Ministerio de Fomento, solicitando, unha vez máis, dispositivos para reforzar a seguridade no paso de peóns da N-525 situado na entrada de Silleda en dirección Ourense, onde se teñen producido varios atropelos. Dende o goberno municipal reclamase a Fomento, titular desta vía, a adopción de medidas como sinais luminosas ou bandas rugosas “para alertar aos condutores da perigosidade neste tramo”.