Silleda, 12 de xaneiro de 2026. O Concello de Silleda vén de abrir un procedemento excepcional de contratación laboral temporal para cubrir dúas baixas por incapacidade laboral transitoria (ILT) no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ante a imposibilidade de facelo a través das bolsas municipais actualmente vixentes.
Esta contratación ten carácter urxente, temporal e excepcional, e está dirixida a persoas que conten con formación relacionada coa atención sociosanitaria, como Técnico/a en Coidados Auxiliares de Enfermaría, Técnico/a en Atención Sociosanitaria ou certificados de profesionalidade ou habilitacións recoñecidas para o exercicio profesional como auxiliar de axuda no fogar.
Así mesmo, e tamén con carácter excepcional, poderán presentarse persoas que non dispoñan inicialmente da formación requirida, sempre que acrediten experiencia laboral suficiente no sector e presenten un compromiso formal de realizar a formación esixida durante a vixencia do contrato.
As prazas cubriranse por orde de entrada das solicitudes no Rexistro Xeral do Concello, sempre que se cumpran os requisitos mínimos establecidos. O prazo para presentar solicitudes é de cinco días naturais desde a publicación do anuncio que se realizará mañá martes día 13.
Desde o Concello sublíñase a importancia de garantir a continuidade dun servizo esencial como é o SAF, fundamental para a atención das persoas maiores e dependentes do municipio.
Toda a información detallada pode consultarse no taboleiro de anuncios do Concello e na web municipal. A continuación figuran os dous formularios:
- INSTANCIA SOLICITUDE PROCEDEMENTO URXENTE E EXTRAORDINARIO
- DECLARACIÓN RESPONSABLE E COMPROMISO FORMAL DE ADQUISICIÓN DA FORMACIÓN REQURIDA
