Silleda, 17 de setembro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, asitiu hoxe na sede da Asociación de Empresarios do Deza (AED) ao acto de entrega das axudas para libros e material escolar. Estas axudas chegan grazas á doazón das empresas asociadas dos municipios do Deza. “En nome de todos os veciños e veciñas de Silleda quero agradecer públicamente ás empresas do noso municipio que participaron cos seus donativos e á patronal dezana esta iniciativa”, sinala o rexedor.
Manuel Cuíña tamén felicitou á directiva da AED, con Antonio Lamas ao frente, pola súa aposta descentralizadora “abrindo as súas accións ao resto de concellos da comarca con empresas asociadas”.
Neste senso lembrou que o pasado mes de xuño xa se celebrou en Silleda un encontro coa nova directiva da AED, que tamén presentou á asociación de empresarios do polígono e á de Empresarios e comerciantes de Silleda (ECOS) as súas liñas de actuación. “É moi positivo que unha entidade coma esta se abre a todos os municipios”, dixo e reiterou o acordo para poñer a disposición da patronal un local no que poida atender, cando sexa requerido, aos socios silledenses. Así, anima aos empresarios, comerciantes e hostaleiros a informarse sobre as ventaxas que ofrecen dende a asociación comarcal.