. O Concello de Silleda e o colectivo de taxistas do municipio veñen de acadar un acordo para a reubicación provisional da parada de taxis mentres duren os traballos de mellora e humanización da Avenida do Parque. A reunión que se celebrou o pasado venres contou coa presencia da alcaldesa e responsable municipal de Obras e Servizos, Paula Fernández, e os profesionais do taxi, así como do xefe da Polica Local e o técnico director das obras.
Estes traballos, que suporán o corte do tráfico rodado neste vial, fan necesaria a adopción de medidas temporais que garantan tanto a seguridade viaria como a correcta prestación do servizo. Neste sentido, o Concello solicitou a autorización correspondente para situar provisionalmente a parada de taxis na N-525, no tramo urbano da rúa Trasdeza, unha localización próxima á actual, segura e que xa foi empregada con anterioridade en diferentes eventos locais.
A nova ubicación contará coa sinalización axeitada e manterase únicamente durante o tempo que se prolonguen os traballos na Avenida do Parque habilitándose a nova parado o antes posible. “As obras acometeranse para gatanir que os taxistas estén o menos tempo posible nesta parada provisional” , sinala a alcaldesa.
Desde o Concello de Silleda quérese agradecer expresamente a total disposición e colaboración do colectivo de taxistas, que desde o primeiro momento amosou comprensión ante as molestias inevitables que xeran este tipo de actuacións. Esta actitude colaborativa xa quedara patente coa reubicación definitiva da parada de taxis, coa realización destas obras, na beirarrúa fronte á localización actual.
Paula Fernández subliña que “estas obras son necesarias para mellorar a accesibilidade, a seguridade e a calidade do espazo público”, e valora moi positivamente a implicación dos profesionais do taxi, “que souberon entender a importancia destes traballos desde o inicio” .
Avance dos traballos na Avenida do Parque
As obras de mellora e humanización da Avenida do Parque continúan avanzando na zona da rúa Santa Olaia, aínda que nas últimas semanas víronse condicionadas polas choivas persistentes, que dificultaron o desenvolvemento dalgúns traballos.
Na actualidade estase a executar a instalación das canaletas de recollida de pluviais é está previsto iniciar en breve a colocación do pavimento de pedra nesta primeira zona da rúa.
A partir dese momento, o Concello prevé comezar co fresado do asfalto na Avenida do Parque, o que implicará unha nova reorganización do tráfico mentres duren os traballos neste tramo inicial. Esta planificación permitirá garantir en todo momento os accesos aos comercios e establecementos hostaleiros, minimizando as afeccións á actividade diaria.
O Concello agradece a comprensión da veciñanza e do tecido comercial ante as molestias temporais derivadas dunha obra necesaria para mellorar a calidade urbana e a mobilidade no centro da vila.
Recordatorio sobre o sentido de circulación na rúa Santa Olaia
O Concello de Silleda lembra á veciñanza que unha vez rematados os traballos, o sentido habitual de circulación da rúa Santa Olaia será desde a rúa María Colmeiro cara á Avenida do Parque.
Durante o desenvolvemento das obras, este sentido viuse modificado de maneira puntual, establecéndose a circulación en dirección contraria por ofrecer maiores garantías de seguridade mentres se executaban os traballos.
Co restablecemento do sentido indicado —desde María Colmeiro ata a Avenida do Parque— conseguirase unha circulación en mazá, que permitirá aos vehículos desprazarse por esta marxe da vila sen necesidade de incorporarse á estrada nacional, mellorando así a fluidez do tráfico e a seguridade viaria.
O Concello agradece novamente a colaboración da cidadanía e lembra a importancia de respectar a sinalización provisional mentres duren os traballos.
