Silleda Dinamiza, un programa para revitalizar os centros sociais do rural

O Concello de Silleda impulsa o programa Silleda Dinamiza, unha iniciativa municipal orientada a revitalizar os centros sociais das parroquias e a reforzar a vida comunitaria no rural, especialmente naquelas zonas máis afectadas polo despoboamento, o avellentamento da poboación e a perda progresiva de espazos de encontro social.

Nos últimos anos, o rural de Silleda vén experimentando cambios profundos que afectan á súa cohesión social. Ademais da tendencia xeral de traslado da poboación cara ás vilas, foron desaparecendo servizos básicos como establecementos de hostalaría, ultramarinos ou puntos de reunión informais. A isto súmase a redución das celebracións relixiosas, que tradicionalmente funcionaban como espazos de encontro e relación entre a veciñanza.

Tal e como sinala a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, “ademais da evolución demográfica habitual, a pandemia tamén provocou un cambio de hábitos que afectou de maneira especial á actividade social nas parroquias, deixando moitos centros sociais infrautilizados”.

Neste contexto xorde Silleda Dinamiza, como resposta a unha necesidade detectada no territorio: reactivar os centros sociais como lugares vivos, útiles e próximos á veciñanza.

 

Obxectivos do programa

O programa Silleda Dinamiza ten como principais obxectivos:

  • Converter os centros sociais das parroquias en espazos estables de encontro, convivencia e dinamización comunitaria.
  • Combater a soidade non desexada, especialmente entre as persoas maiores.
  • Fomentar a participación veciñal e o sentimento de pertenza á comunidade.
  • Apoiar a actividade social e cultural no rural.
  • Promover o voluntariado e a implicación directa da cidadanía na vida das parroquias.

 

Funcionamento e metodoloxía

Silleda Dinamiza estrutúrase arredor dun calendario de apertura dos centros sociais, que permitirá garantir a súa actividade regular. Para o seu funcionamento, o Concello contará coa colaboración de asociacións locais e persoas voluntarias, que participarán na apertura dos centros e na organización de actividades sinxelas adaptadas ás necesidades de cada parroquia.

O programa arranca cun proxecto piloto, co obxectivo de avaliar a resposta da veciñanza e adaptar o modelo de funcionamento á realidade de cada núcleo. A flexibilidade e a escoita activa serán claves para axustar horarios, usos e propostas ás demandas reais das comunidades locais.

 

Información e participación veciñal

Para dar a coñecer o programa e facilitar a participación, o Concello organizará encontros informativos nas distintas parroquias, nos que se explicará en detalle en que consiste Silleda Dinamiza, que beneficios pode achegar e de que xeitos pode implicarse a veciñanza, tanto como usuaria dos centros como formando parte do voluntariado.

A difusión completarase con carteis informativos, redes sociais e a colaboración co tecido asociativo do rural, co obxectivo de que ningunha parroquia quede allea a esta iniciativa.

 

Unha aposta polo rural vivo

Silleda Dinamiza compleméntase coas melloras que o Concello vén realizando en varios centros sociais do rural, reforzando así unha estratexia global de apoio ao territorio e á súa xente.

Desde o Concello de Silleda anímase á veciñanza a sumarse a este proxecto colectivo, participando nas actividades ou colaborando na súa dinamización, para facer dos centros sociais puntos de referencia, encontro e vida comunitaria no rural.