O Concello de Silleda saca a licitación a mellora de catro locais sociais do rural por 54.149,64 euros

O Concello de Silleda ten en marcha a licitación das obras de mellora en varios locais sociais do rural. Así, figuran melloras no centro social de  Lamela, Piñeiro, Curro (Cira) e Moalde, unha actuación que se financiará a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. O importe total de licitación ascende a 54.149,64 euros (IVE incluído) e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 23 a través da Plataforma de Contratación do Estado.

Tal e como recolle o proxecto técnico, as actuacións teñen como obxectivo acometer obras de conservación e mellora nestres catro inmobles que funcionan como espazos de encontro e actividade social e cultural nas parroquias.

As intervencións varían en función das necesidades de cada centro, con propostas que foron ademais advertidas pola veciñanza. Así, no centro social de Piñeiro realizarase unha revisión da cuberta, pintado da cociña e renovación das carpinterías exteriores, entre outros.

No centro social de Lamela reorganizarase a zona de aseos para mellorar a accesibilidade e faránse tamén actuacións na cociña (pintado, falso teito e adecuacións.

No centro social de Curro, na parroquia de Cira, os traballos pasan por melloras  na cuberta, con colocación de tella, e reparación da balaustrada da parcela.

No centro social de Moalde realizaránse traballos na conservación de fachadas e revisión da cuberta, con traballos de mantemento e mellora de acabados.

A contratación está estruturada en dous lotes: un correspondente ás obras e outro aos subministros/equipamentos, tal e como se establece no documento técnico.

Dende o Concello, a alcaldesa Paula Fernández, subliña que esta actuación  se enmarca na liña de traballo para mellorar os servizos e infraestruturas do rural, garantindo que os locais sociais —unha peza clave na vida comunitaria— conten con mellores condicións de uso, seguridade e funcionalidade, con propostas de mellora que tamén chegarán a outras localidades.