O Concello de Silleda continúa avanzando no programa municipal de mellora e renovación das paradas de transporte escolar coa instalación dunha nova marquesiña de maiores dimensións na rúa do Parque, na Bandeira, unha actuación que permitirá mellorar as condicións de seguridade e protección do alumnado que emprega este servizo diariamente.
Esta intervención executouse finalmente no emprazamento actual, tras meses sen recibir resposta oficial da Xunta de Galicia á proposta municipal de trasladar a parada á zona peonil da Praza do Entroido, situada a escasos metros e que ofrecía condicións significativamente mellores de seguridade, accesibilidade e capacidade. Esta proposta fora avalada pola Policía Local e contaba tamén co respaldo da comunidade educativa.
Tal e como recollía a solicitude remitida polo Concello, a marquesiña estaba situada sobre unha beirarrúa de apenas 2,5 metros de ancho e sen continuidade peonil, o que obriga aos menores a invadir o carril de estacionamento durante os tempos de espera. Ademais, a súa localización fronte a un paso de peóns e a súa insuficiente capacidade viña provocando situacións de risco, ao obrigar ao alumnado a ocupar espazos destinados á circulación de vehículos e dificultar o tránsito seguro doutros peóns.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que hoxe supervisou os traballos de colocación xunto ca concelleira de Educación, Ángela Troitiño, sinala que “dende o Concello actuamos con responsabilidade, trasladando unha proposta técnica sólida e agardando unha resposta da Xunta antes de executar a instalación. Porén, esa resposta nunca chegou, pese a que a administración autonómica era plenamente coñecedora de que o Concello tiña xa a marquesiña adquirida e lista para a súa colocación”.
Ante esta falta de resposta formal, o Concello procede una xornada de hoxe á instalación da nova estrutura no emprazamento actual, acompañada dunha reordenación do espazo viario mediante sinalización horizontal que limitará o estacionamento na contorna inmediata, co obxectivo de garantir un espazo seguro para o alumnado e para o conxunto da cidadanía. Esta actuación implicará a supresión de dúas prazas de aparcamento, unha consecuencia que podería terse evitado cunha decisión clara e en prazo por parte da administración autonómica.
Neste sentido, Fernández subliña que “o Concello non podía actuar sen unha resposta da administración competente sobre o cambio solicitado. Durante estes meses, e especialmente nas últimas semanas de choiva e temporais, os nenos e nenas tiveron que seguir utilizando unha parada que xa fora cualificada tecnicamente como insuficiente, mentres unha solución máis segura estaba preparada para instalarse”.
“A seguridade do alumnado debería estar por enriba de calquera outro criterio”, engade a alcaldesa. “É incomprensible que, existindo un espazo amplo, accesible e seguro a escasos metros, non se adoptase unha decisión que permitise mellorar de forma inmediata as condicións desta parada. A falta de resposta prolongou innecesariamente unha situación que afectaba directamente á seguridade e á protección do alumnado”.
Melloras noutras parroquias
No marco deste programa municipal, a marquesiña que será retirada na Bandeira, e que se atopa en perfecto estado de conservación, será recolocada na parroquia de Saídres, atendendo a unha petición trasladada polas familias do alumnado desta zona.
Paralelamente, os servizos municipais están a levar a cabo traballos de reacondicionamento doutras marquesiñas que foron substituídas recentemente, como as situadas na Chapa, co obxectivo de reinstalalas noutros puntos do rural e continuar mellorando progresivamente as condicións das paradas de transporte escolar en todo o territorio.
“Estamos a desenvolver un plan progresivo para dotar ás parroquias de infraestruturas máis seguras, dignas e adaptadas ás necesidades reais da veciñanza, actuando con responsabilidade e priorizando sempre a seguridade dos nosos nenos e nenas”, conclúe a alcaldesa.
