O Concello de Silleda recibe unha axuda de máis de 8.900 euros do Plan +Provincia 2025 para melloras de seguridade e protección urbana

 

Silleda, 13 de marzo de 2026. O Concello de Silleda resultou beneficiario dunha subvención ao abeiro do Plan Máis Provincia, liña 1 de Investimentos, da Deputación de Pontevedra, por un importe de 8.953,39 euros, destinada ao financiamento da actuación denominada “Subministración de elementos de protección, seguridade e mellora urbana”.

A través desta achega, o Concello acometeu a adquisición de diverso material para o Departamento de Obras, en concreto elementos de protección e seguridade viaria, así como xardineiras cunha dobre funcionalidade: por unha banda, contribuír á mellora estética da contorna urbana e, por outra, previr o estacionamento indebido en zonas peonís.

Estas actuacións teñen como obxectivo incrementar a seguridade diaria nas vías municipais, especialmente nas pistas rurais e en determinados puntos do núcleo urbano, mediante a instalación de sinais, espellos e xardineiras que favorezan unha circulación máis segura, unha mellor visibilidade e a recuperación do espazo público para o seu uso axeitado.

A subministración incluiu a dotación de varadas de seguridade en viarios de Parada, Cortegada e Martixe; 6 espellos de seguridade para colocar en Silleda, Refoxos, Fiestras, Graba e Vilar; postes para ditos espellos, material de sinalización e 12 xardineiras instaladas no entorno da avenida Recinto Feiral e rúa Arturo Pérez Lázara.

Dende o Concello de Silleda a alcaldesa, Paula Fernández, sublíña  a importancia deste tipo de investimentos, «que permiten seguir mellorando a seguridade viaria e a ordenación dos espazos públicos no municipio, atendendo tanto ás necesidades do rural como ás do núcleo urbano», engade.