O goberno municipal de Silleda presentou á veciñanza de Negreiros o proxecto de mellora do local social da parroquia, unha actuación que se financiará con cargo aos fondos correspondentes ao municipio dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. O proxecto contempla actuacións tanto no exterior como no interior do inmoble, co obxectivo de mellorar a súa funcionalidade, accesibilidade e conservación.
Na reunión informativa, celebrada nos últimos días, a alcaldesa, Paula Fernández, foi a encargada de explicar os detalles da intervención prevista, ao tempo que se abordaron tamén outras necesidades da parroquia. O encontro serviu ademais para recoller impresións, achegas e demandas da veciñanza, nun exercicio de diálogo directo para coñecer de primeira man as prioridades do lugar.
Segundo o proxecto redactado para esta actuación, as obras inclúen a mellora do acceso exterior ao centro e á súa contorna, o levantamento parcial do asfaltado, o corte de raíces que están a levantar o pavimento , a colocación dunha celosía tipo pavi-céspede para facilitar o tránsito peonil, a instalación de módulos a modo de bordo-asento, e o reforzo da base e o reasfaltado da zona. No interior do edificio acometeranse pequenas reparacións, o pintado da cociña e a dotación de novo mobiliario para este espazo. O prazo estimado de execución é de dous meses.
O proxecto de mellora do centro social de Negreiros e a súa contorna prevé un investimento de máis de 34.000 euros.
Dende o Concello de Silleda sublíñase a importancia desta actuación para seguir mellorando os espazos de uso veciñal nas parroquias e para dotar ao local social de Negreiros de mellores condicións tanto no seu exterior como no seu equipamento interior.
No encontró tamén se abordaron cuestións como a posibilidade de continuar extendendo a rede municipal de abastecemento de augas, que no seu día xa se levou ata o lugar de Sachocos, e o arranxo e limpeza de viarios.
