A SAREB e o Concello de Silleda veñen de acordar a doazón de carácter gratuíto da propiedade da parcela situada no Barrio do Campo, ubicada xusto detrás do lavadoiro do Barrio do Campo e sobre a que a día de hoxe existe xa unha cesión do seu uso como aparcadoiro.
Con esta operación, o Concello dá un paso importante para que este espazo pase a ser definitivamente público, consolidando un uso que xa estaba plenamente integrado na vida diaria da veciñanza e garantindo a súa continuidade no tempo.
Esta doazón xa foi aceptada polo Concello, polo que o seguinte paso será formalizala mediante a correspondente escritura. Nese momento producirase a entrega da finca e a súa incorporación ao patrimonio municipal do solo.
Entre as condicións da doazón recóllese que o solar deberá destinarse ás iniciativas que máis beneficien á cidadanía. Neste sentido, a alcaldesa destaca que se van valorar todas as opcións para garantir o mellor servizo posible, e anuncia que “xa tivemos unha primeira reunión técnica esta semana para analizar as posibilidades urbanísticas desta propiedade no marco do Plan de Vivenda 2026-2030”, sinala.
A incorporación deste solo ao patrimonio municipal abre un abano de posibilidades de actuación futura, permitindo ao Concello planificar con maior capacidade e adaptar o uso deste espazo ás necesidades reais da veciñanza, tanto no ámbito da mobilidade como doutros servizos ou equipamentos públicos.
Nas condicións técnicas da doazón recóllese que esta se efectúa de maneira pura e simple pola totalidade do inmoble, como “corpo certo”, no seu estado físico e urbanístico actual e ao corrente de pagos de impostos. Todos os gastos correspondentes á doazón correrán a conta do Concello como donatario.
Dende o goberno municipal agradécese á SAREB esta doazón, que vén a culminar un proceso sobre esta parcela, que xa está sendo utilizada pola cidadanía como aparcadoiro, “un servizo que se puxo a disposición das e dos veciños grazas ao acordo asinado no ano 2023 e que conta cun gran éxito”, conclúe a alcaldesa.
